Tuesday 14 de May de 2024

Feijóo afirma que a Xunta seguirá apoiando as iniciativas que crean emprego e contribúen a fixar poboación no rural para que este desempeñe un papel principal na Galicia da próxima década


Destaca que os 8 proxectos galardoados poñen de manifesto que se pode vivir tamén nos pobos e vilas e que quedarse no rural pode ser unha oportunidade
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que a Xunta seguirá apoiando as iniciativas que crean emprego e contribúen a fixar poboación no rural para que este desempeñe un papel principal na Galicia da próxima década.

Nesta liña, aseverou que o noso rural esta cada vez mellor conectado coas cidades e entre el, con máis e mellores infraestruturas e máis e mellor conexión a internet; conta cada vez con mellores servizos, como as casas niño e as casas do maior ou o inicio da licitación para instalar caixeiros automáticos nos concellos que non dispoñen deste servizos; e con mozos máis e mellor preparados que nunca, que queren emprender nas súas vilas.

Como proba disto, referiuse as iniciativas de desenvolvemento rural galardoadas na 10 edición dos Premios Agader: 8 proxectos seleccionados que poñen de manifesto que se pode vivir tamén nos pobos e vilas; que quedarse no rural pode ser unha oportunidade; e que o rural galego desempeña un papel moi importante no progreso da Galicia Calidade “que queremos seguir construíndo na vindeira década”. Para o presidente da Xunta o feito de que a esta edición se presentasen case 80 iniciativas, máis do dobre que o pasado ano, amosa o interese crecente que espertan as oportunidades do rural.

Así, na categoría mocidade destacou a aposta da Granxa Escola Musical Corazón de Carballo (emprazada en Tomiño) polo rural e a educación ambiental, para seguir avanzando cara á unha Galicia máis moza e máis verde.

Na categoría proxectos culturais e recuperación patrimonial no rural, aseverou que a Fundación Eduardo Pondal ensínanos o enorme potencial do patrimonio material e inmaterial de Galicia. E en relación á categoría proxectos interese social, Feijóo resaltou que a Asociación Carabelo (emprazada en Lalín) amósanos que os programas sociais –neste caso de apoio integral ás familias– presentan unha alta demanda: non só nas grandes vilas, senón tamén no rural, un feito que contribúe a construír unha Galicia máis familiar e máis solidaria.

No eido do turismo, afirmou que o proxecto do Grupo de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra-Courel proba que é posible e rendible deseñar un proxecto de desenvolvemento territorial baseado en novas formas de turismo, neste caso no xeoturismo, para conseguir unha Galicia máis innovadora e máis verde. E o proxecto ‘A Pementeira’, galardoada na categoría sector agrogandeiro, non só aposta pola marca Galicia Calidade, a través do cultivo e promoción de pementos da D.O.P de Herbón e do envasado, etiquetado e comercialización de produtos derivados da súa transformación, como marmelada e bombóns, senón que reflicte a capacidade das pequenas empresas do rural galego para achegar valor engadido e crear novas oportunidades de negocio.

En relación á categoría mulleres, resaltou que a iniciativa centrada na fabricación de pezas de poliéster reforzado e fibra de vidro para o sector da automoción, mostra como unha pequena empresa familiar dirixida por unha muller e emprazada nunha pequena vila, pode innovar e respectar o medio ambiente, contribuíndo a unha Galicia máis innovadora, máis verde e, desde logo, máis igualitaria.

O proxecto de Gráficas Salnés –premio innovación tecnolóxica- ensina como é posible ser rendibles e, ao mesmo tempo, sustentables, a través do uso de cartón compacto reciclado elaborado con materia prima sustentable para confeccionar as súas caixas forradas para produtos premium, como viño ou perfumes. E por último, a recuperación de soutos abandonados en Manzaneda para o aproveitamento comercial de castañas frescas, secas e fariña, dá a coñecer como é posible darlle unha segunda vida ás terras en desuso para conseguir un rural máis rendible e máis dinámico.

Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural, incidiu en que o rural galego ten que ser un motor para o futuro de Galicia, un rural moderno e innovador que cree emprego e, en definitiva, con vida. E felicitou os gañadores desta edición, que definiu como “un exemplo do que queremos para o noso interior”, ao traballar polo desenvolvemento mediante investimentos, innovación e cooperación.

O conselleiro salientou ademais que cada un dos oito proxectos galardoados recibirá 10.000 euros para investir na propia iniciativa gañadora, co obxectivo de realizar melloras, apostar pola conservación ou executar accións complementarias.